Thursday 28 de March de 2024

A xira da procucción do Centro Dramático Galego “O Charco de Ulises” chega este sábado á Coruña


— A adaptación da Odisea ao contexto da migración galega representarase no teatro Rosalía Castro ás 20,30 horas

— As entradas poden adquirirse en liña, así como nos despachos de billetes da praza de Ourense e do propio teatro

— A peza dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso está a percorrer ata o 12 de decembro 20 escenarios de Galicia e do norte de Portugal, ademais de Uruguai e Arxentina

A produción do Centro Dramático Galego (CDG) O charco de Ulises, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, estará este sábado 27 na Coruña cunha única función no Teatro Rosalía Castro, ás 20,30 horas. A representación enmárcase na xira iniciada a comezos de mes pola unidade de produción teatral da Xunta de Galicia e que está a levar a peza por 20 concellos galegos e do norte de Portugal ata o 12 de decembro, ademais de a Uruguai e Arxentina.

As entradas están xa á venda en liña e poderán adquirirse tamén nos despachos de billetes da praza de Ourense e do propio teatro. Con esta función, O charco de Ulises pecha a programación de novembro e parte cara a Montevideo, en Uruguai, e Bos Aires, en Arxentina, onde se representará os días 1 e 2 decembro.

Posteriormente o espectáculo volta a Galicia para ofrecer catro últimas funcións, unha delas no Auditorio do Centro Cívico e Cultural de Arteixo, onde estará o día 10. Neste caso as entradas poranse á venda no despacho de billetes o mesmo día da representación, de 11,30 a 13,30 horas, e dúas horas antes do seu inicio. Os outros concellos onde está prevista a peza son Lugo (día 9), Narón (día 11) e Vilalba (día 12).

O clásico de Homero nun contexto galego
O charco de Ulises sitúa o clásico de Homero nun contexto transatlántico. A trama do texto, escrito por Santiago Cortegoso en 2010 dentro do programa Iberescena e nos talleres de dramaturxia do CDG, discorre en paralelo á Odisea, xerando un diálogo co mito orixinal para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Bos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico.
Fran Paredes e Inés Salvado encarnan os papeis de Ulises e Penélope, encabezando un elenco que completan Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes, ademais do músico Xosé Lois Romero.

No equipo artístico figuran Pablo Giráldez ‘O Pastor’ no deseño da escenografía, Saturna no de vestiario, Salvador del Río na iluminación, Xosé Lois Romero no espazo sonoro, Ezequiel Merlo na Coreografía Tango, María Costas no traballo de voz, Baia Fernández na caracterización, Carmela Bueno na asistencia de dirección e Xandre Vázquez na de produción e Keka Losada na de produción en xira.
Novo modelo de distribución
O charco de Ulises estreárase o 14 de xaneiro no Salón Teatro de Santiago, onde tiña previsto permanecer durante catro semanas de representacións, que tiveron que ser suspendidas no seu tramo final por mor da pandemia. A súa posta en escena inauguraba, ademais, unha nova etapa na compañía pública, que pospoñía a distribución dos espectáculos de produción propia para reforzar o papel do CDG como motor escénico galego a partir da crise sanitaria.